Opcions
Sinopsi
Sociedade, economía e territorio
RAMÓN VILLARES / XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA
No contexto da celebración dos 75 anos da fundación de Editorial Galaxia, a revista Grial propúxose realizar varios foros de debate para reflexionar, desde perspectivas temáticas diferentes, sobre o porvir de Galicia e da súa cultura nun futuro próximo, fose a cultura, a ciencia ou a política. Se a fundación da editorial puido considerarse unha aposta para construír un porvir da cultura galega e, por extensión, da Galicia enteira, tres cuartos de século despois é coherente seguir preguntándose por esta obriga. Entre os obxectivos fundacionais de Galaxia estaban analizar o mundo desde Galicia, proxectar a cultura galega cara ao exterior e construír conciencia da identidade de Galicia, todo feito mediante o emprego da lingua galega como vehículo de comunicación e concibindo a cultura como ferramenta de cohesión comunitaria. Aqueles propósitos non caducaron, o que explica que o motivo xeral destes foros sexa o de “pensar cara adiante” a partir da experiencia acumulada.
Os contidos do foro que se publican neste número de Grial ocúpanse de asuntos relativos á sociedade, economía e territorio de Galicia nos vindeiros vinte e cinco anos, despois de que experimentasen profundas mudanzas no pasado recente, como demostrou unha abondosa literatura especializada. Os cambios económicos e sociais non son procesos autónomos, pero polo menos poden entenderse como expresión das mudanzas que experimentou Galicia desde mediados do século XX e que tiveron consecuencias directas na mobilidade da poboación, na súa ocupación laboral e, de forma moi directa, no uso do territorio en canto á súa titularidade e aproveitamentos, pero tamén ao seu abandono, cuxas razóns deben ser analizadas. Malia seren abruptamente transformadas as liñas básicas da sociedade galega, da súa estrutura económica e dos usos do territorio durante a segunda metade do século pasado, todas continúan a ser pedras de toque imprescindibles para deseñar a Galicia futura.
Estes textos que agora se publican van precedidos dunha reflexión de carácter historiográfico escrita por Ramón Villares, enfiadas a propósito dalgunhas iniciativas análogas que, no pasado, tamén se propuxeron pensar ou imaxinar a Galicia futura, nomeadamente na reunión celebrada en 1977 na Universidade de Santiago, en que participaron moitos membros do grupo Galaxia. Non se trata só de comparar, con evidente vantaxe para un observador actual, sobre erros e acertos dos que se propuxeron imaxinar Galicia, senón de chamar a atención sobre os diferentes réximes de historicidade que rexen a concepción do tempo. A posibilidade de anticipar ou pensar o porvir depende da capacidade de distinguir entre pasado e futuro, algo que caracterizou o pensamento moderno desde as grandes revolucións da segunda metade do século XVIII, pero que agora está en curso de profunda revisión. A pesar desta limitación, os participantes neste foro fixeron un grande esforzo por imaxinar un porvir próximo, pero fuxidío.
Das mudanzas e previsións da poboación ocúpase o artigo escrito pola socióloga Antía Pérez-Caramés, que chama a atención sobre a necesidade de entender a demografía galega a longo prazo, para poder anticipar o seu futuro. Tópicos como a tradición migratoria ou o avellentamento atopan nova luz á vista da súa análise, que invita a “desdramatizar” o futuro da poboación galega, que é un tópico máis frecuente do que debería. O pesimismo demográfico presente no discurso mediático e político non ten sustento empírico. Ao tempo, a autora chama a atención sobre a ineficacia das recentes políticas de poboación, que non parecen ter impacto nin na estrutura nin na dinámica demográficas, e, en todo caso, afastan a mirada dos procesos sociais e económicos que inciden en procesos demográficos (principalmente, no relativo ao comportamento migratorio e ás decisións sobre a fecundidade). E insiste en que o único elemento de achega en termos cuantitativos á poboación galega vén da man da inmigración (particularmente daquela de nacionalidade estranxeira) e, por tanto, non se sosteñen nin discursos xenófobos, nin políticas migratorias baseadas nas restricións á instalación no país, nin tampouco aquelas de preferencia étnica (retorno do talento).
Pola súa banda, o texto escrito polos economistas Xoaquín F. Leiceaga e Edelmiro López Iglesias permite comprobar que a historia recente de Galicia foi “un éxito parcial”, dada a converxencia coa contorna española e europea e a súa forte internacionalización, o que non elimina a necesidade de afrontar reformas profundas no inmediato futuro. Os autores establecen a posibilidade da converxencia en renda por habitante con España nun prazo de dez anos, para o que sería preciso elevar a taxa de ocupación (emprego feminino, inmigración), así como a produtividade (especialización máis intensa en actividades de alto valor engadido por unidade de traballo así como un maior peso de empresas competitivas). Os riscos e incertezas esóxenas obrigan a un esforzo acrecentado de innovación e adaptación. Se non queremos volver ser periferia pasiva, cómpre apostar pola xeración de coñecemento avanzado e pola súa aplicación xeneralizada, nos ámbitos privado e público. Tamén pelexar a favor dunha maior integración europea, e por manter, no espazo español, un certo equilibrio entre o respecto á autonomía e a diversidade e a promoción da igualdade e da cohesión, configurando un entorno favorable á cohesión social e territorial e ao desenvolvemento.
Algo semellante acontece no caso do territorio, do que se ocupa o arquitecto Luciano Alfaya, que recoñece que se trata dun sector que precisa non só planeamento e superación de fendas artificiais entre cidade e aldea, senón tamén dun amplo pacto social e político. O autor aborda a pluralidade de figuras urbanísticas que afectan á ordenación do territorio. Galicia ten, a nivel municipal, planeamentos urbanos cunha antigüidade media de máis de vinte anos, formuladas sobre datos e estratexias alleas ás actuais necesidades da sociedade e escasamente preparados para o futuro do noso país. A existencia de instrumentos complementarios, tanto a escala territorial (lei de ordenación do territorio, catálogo de paisaxes, plan do litoral…) como a escala municipal (axendas urbanas, plans de mobilidade…) contradinse co desenvolvemento de estratexias sectoriais que están a implicar decisións irreversibles sobre o territorio. O autor propón así que as figuras de carácter supramunicipal e dinámico teñan cada día maior incidencia na ordenación do territorio de Galicia