Dades de l'llibre

GRIAL 238 (A.M.X.2023) 1963. O ANO DO PRODIXIO
VARIOS

  • Editorial EDITORIAL GALAXIA S.A.
  • Matèria GRIAL
  • Col·lecció GRIAL
  • EAN 9789200185984
  • Estat Dispoñible
  • Enquadernació Tapa blanda
  • Pàgines 160
  • Mida 267x183x0 mm.
  • Weight 1
  • Release date: 19/07/2023
Tax included 13,50€

Sinopsi

Un triángulo para soster un país, por Francisco Castro
En 1963 comezaba a beatlemanía no mundo civilizado. Os anos 60 traíanlle unha nova esperanza ao mundo a través de novas estéticas, palabras urxentes (revolución, feminismo) e moito ruído e moitas melenas. O talo da liberdade medraba ceibo nun mundo que pasaba do branco e negro ao technicolor. Iso acontecía, insisto, no mundo civilizado, onde había democracia e tradición de diálogo, onde había universidades non capadas polo poder totalitario, onde a Igrexa gobernaba só no privado e non no público. Fóra, a modernidade imantaba actitudes de cambio. Aquí rezábase o rosario por decreto.
España era de cor sepia e recendo a sotanas. O pensamento era perseguido e a oficialidade franquista revisaba ata a máis insignificante coma dun texto. Moito máis se ese texto estaba escrito en galego. Censura e negritude eran comadres e insculpían preguiza, nugalla e quietude nos corazóns máis novos. Non era nin tempos de castañas. Como moito, madroñas.
Titulamos este monográfico “1963. O ano do prodixio” por algo. Porque hai que cualificalo como “prodixio” que nacesen, naquel estado de cousas, a Fundación Penzol, a revista GRIAL e o Día das Letras Galegas. Moitas veces dicimos que que nos precederon foron titáns. A imaxe non é esaxerada, porque foron titáns, semideuses, en todo caso, forzas da natureza e do intelecto. Nós témolo moito máis doado. Administramos o seu traballo, traballamos coa súa historia, historiamos o seu prodixio; pero todo é máis fácil. Queixámonos, en realidade, por vicio.
En 1963, consonte o espírito co que se fundara Editorial Galaxia en 1950, aqueles galeguistas botan a andar a Fundación Penzol. Velaí o verdadeiro Arquivo Nacional de Galicia, que non temos nin existe como tal figura, e á que tampouco se lle ven perspectivas de creación; pero podemos afirmar que sería o que máis se lle imita: iso é a Fundación Penzol, o arquivo privado máis relevante do noso país, coa súa sede en Vigo, como Editorial Galaxia, mais irradiando con forza dende aquel ano do prodixio, arretando virtudes arredor dunha alba de gloria por vir.
Os fundadores sabían que, para reconstruír un país, o primeiro era ter a memoria clara. Por iso se precisaba un arquivo, un centro de investigación, que fose tamén un espazo onde concentrar os elementos da memoria: libros, revistas, folletos… Nada lle é alleo a este Arquivo Nacional, sempre e cando o galego sexa a alma central do que alí se garde.
Dous expertos, dúas voces experimentadas, Xosé Manuel Dasilva e Francisco Domínguez, achégannos aspectos diferentes da Fundación. Dasilva alumea con claridade manifesta os intres iniciais da súa orixe, en sentido literal, o momento en que nace e a súa navegación durante estas seis décadas. Pola súa banda, Domínguez, director durante moitísimo tempo da Fundación Penzol e, xa que logo, unha das persoas máis autorizadas para falar dela, lévanos ao grupo cultural O Castro, xente moi activa arredor do padre Seixas, de tan grato recordo para aqueles mozos galeguistas naqueles anos, insistimos, prodixiosos, aínda que de privanzas.
1963 é o ano, tamén, en que se bota a andar unha das ideas máis felices, das moitísimas que saíron do maxín inquedo e infinito e sempre afinado de Francisco Fernández del Riego: á creación do Día das Letras Galegas, data que, como sempre nos recorda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, vén sendo a iniciativa civil máis importante arredor da lingua (e da cultura) de toda a nosa historia, porque non hai outro pobo que poña as súas letras no centro dunha celebración colectiva e festiva. A primeira homenaxeada tiña que ser Rosalía de Castro, e este ano péchase o círculo co recoñecemento ao seu promotor: Paco del Riego.
Pedímoslle a unha xornalista cultural recoñecida, e de sobrado prestixio, como Ana Abelenda, que deitase a súa ollada sobre a efeméride e, sobre todo, sobre o propio Día das Letras. O seu traballo fica lonxe de ser unha simple homenaxe á feliz idea, pois toca aspectos para a polémica. Discusións que agradecemos e que entendemos como necesarias, porque, se algo non debe ser o Día das Letras, é un ritual funerario. A nosa lingua merece un tratamento moderno, vivo e vivificante, para seguirmos co prodixio, para desarraigar a tendencia fatalista de que isto non ten amaño.
O terceiro elemento prodixioso do que nos ocupamos, e que naceu no amentado ano, ten que ver coa fundación desta revista que tes nas mans, e que seis décadas despois continúa viva. GRIAL nace hai sesenta anos, e sentamos, en diálogo coa escritora e académica María López Sández, as tres persoas que nas últimas décadas comandaron a publicación e marcaron o seu paso á modernidade. Víctor F. Freixanes codirixiuna con Henrique Monteagudo (o noso director actual en solitario) dende 2002 a 2019. Ambos os dous teñen moito que dicir sobre esta Revista Galega de Cultura. O terceiro en liza, actual director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo, foi o eterno secretario do consello de redacción xa dende os tempos de Carlos Casares ata o derradeiro número de 2019. Segundo os datos dos créditos da revista, comezou con ese labor en 1989. Así que, se hai alguén que sabe sobre GRIAL, e pode cravuñar a memoria para contalo todo, ese é Xosé Manuel Soutullo, motor e alma da revista durante décadas.
Coido que queda claro que foi aquel un ano prodixioso. Se crésemos nos astros, diriamos que se aliñaron para axudar a que Galicia gozase de algo así como dunha especie de xustiza poética: no medio de tanta negritude para un país crucificado, tres fachos enormes: revista, celebración, arquivo; GRIAL, Día das Letras Galegas, Fundación Penzol.
Un triángulo para soster un país.
Este número 238 complétase cun mollo de interesantes traballos. Entre outros, na sección de “Temas do Noso Tempo”, un de Minia Monteagudo Vilavedra arredor dos desafíos que nos formula a intelixencia artificial. Sen dúbida, outro prodixio, aínda que queda por ver que terá, en realidade, de prodixiosa. En todo caso, é un dos temas do momento, e tamén unha das preocupacións dos nosos días.
Na sección de “Creación” poñemos a dialogar dous escritores separados por varias xeracións, e que poden, a xeito de simbólica foto polaroid, representar as diferenzas, mais tamén as continuidades na literatura galega. Por unha banda, adiantamos un fragmento da novela A viaxe do castrexo, primeiro libro de Alexandre Plaza Poutas, novísimo autor da colleita de 1982. Auga fresca para a nosa literatura. Ao seu carón, uns poemas dun clásico da nosa lírica, Xabier Rodríguez Baixeras, de quen publicamos Onde ferve a memoria, nunha fermosa edición acompañada das ilustracións doutro poeta, Baldo Ramos. Baixeras é de 1945. Catro décadas entre un e outro para ilustrar a continuidade do prodixio.
Henrique Monteagudo asina un documento para o debate co gallo dos corenta anos da aprobación, por unanimidade, da Lei de normalización lingüística de Galicia (1983). O título que escolleu para o seu traballo non pode ser máis gráfico: “Cómpre virar o rumbo”. E tanto que cómpre. Os datos que se manexan son abismais porque, en efecto, imos cara ao abismo.
Pechamos a revista con tres bateas que deitamos sobre o mar do interese lector. Por unha banda, unha autopoética dunha das nosas autoras máis celebradas: Fina Casalderrey. Beatriz Liz de Cea, experta en arte galega e comisaria da grande exposición arredor das relacións entre don Paco e a arte galega, asina un artigo sobre esta cuestión. E poñemos o ramo de GRIAL para outro prodixio: os 50 anos de Fuxan os Ventos.