Datos del libro

GRIAL 242 (A.M.X.2024) UNHA GALECIA MAGNA?
VARIOS

  • Editorial EDITORIAL GALAXIA S.A.
  • Materia GRIAL
  • Colección GRIAL
  • EAN 9789200189173
  • Estado Dispoñible
  • Encuadernación Tapa blanda
  • Páginas 152
  • Tamaño 270x185x0 mm.
  • Peso 1
  • Fecha de lanzamiento: 11/07/2024
Imp. incluídos 13,50€

Sinopsis

Ramón Villares:
Na súa intervención no acto de investidura como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela (marzo de 2023), o filólogo portugués Ivo Castro evocou a figura dun dos seus mestres universitarios, Joseph Piel, profesor a quen, malia ser “tedesco” de nación, considerou “que é moito máis galego e portugués que alemán”. O motivo de traer a conto o nome de Piel é porque acuñou un concepto que, coma se dun “Schengen lingüístico” se tratase, definía plenamente a vella realidade galega e portuguesa, por riba de fronteiras políticas. En palabras do propio Piel, este é un concepto “xeográfico-lingüístico, que corresponde á área de individualidade lexical e fonética do Noroeste ibérico”, que denomina Galecia Magna ou Maior, que sería o lugar ou núcleo orixinario histórico do galego-portugués.Con independencia do seu significado filolóxico, tomo aquí este concepto como unha axeitada metáfora para reflexionar sobre semellanzas e identidades dunha extensa rexión que abarcaría a actual Galicia e a Região Norte de Portugal, en cuxa definición se mesturan criterios lingüísticos con criterios históricos e xeográficos, alén de diversas formas institucionais.

Alén de considerar estas razóns histórico-culturais, sería pertinente preguntarnos polas propostas políticas que, en tempos máis recentes, tentaron achegar estas rexións atlánticas, transformando a proximidade cultural e lingüística nunha solución política de novo cuño, que tería como principal expresión a superación das vellas —e nunca logradas— propostas de “reintegracionismo” de parte galega e de “irredentismo” de parte portuguesa. A alternativa aberta polos réximes democráticos e pola integración conxunta dos estados ibéricos nas Comunidades europeas permitiu apostar de forma decidida pola solución da cooperación transfronteiriza. O resultado foi a creación dunha Eurorrexión, amparada polas políticas de desenvolvemento rexional e de cohesión territorial da Unión europea, que, desde finais dos anos oitenta, experimentou unha evolución moi acelerada.

Para abrir un debate desde esta perspectiva foi pensado este monográfio, onde que as súas colaboracións permiten reflexionar tanto sobre os obxectivos que alcanzar como sobre as pontes que se deben trazar para dotar de contidos a conversa eurorrexional. O primeiro obxectivo sería definir a “cousa”, é dicir, a existencia dunha Eurorrexión, asentada nun espazo atlántico moi poboado e con semellanzas moi evidentes, pero que carece dunha forma institucional definida que supere a cooperación transfronteiriza e que, en consecuencia, poida avanzar cara á construción de plataformas de cooperación institucional e de alianzas concretas no marco ibérico e europeo. O segundo aspecto é encontrar un “nome” denotativo para esta realidade territorial e política ou, dito de modo máis poético, ao modo da Agustina Bessa-Luis, indagar sobre a “alma” que debe marcar unha posible identidade tanto dun territorio eurorrexional como dunha comunidade imaxinada por parte dos seus habitantes. En ambos os problemas, a idea da Galecia Magna pode servir de referente e de apoio

Sobe esta metáfora da Galecia Magna, de orixe claramente filolóxica, pero que pode ser de utilidade para adoptar un nome que defina o conxunto da Eurorrexión, espazo onde conviven realidades territoriais que carecen dunha expresión política e cultural específica. Poderían apoñerse algunhas razóns útiles para camiñar, por máis utópico que pareza, nesta dirección. A primeira, e non menos importante, é que permite reconducir á súa orixe tanto o reino de Galicia como o norte de Portugal, ao chamar a atención sobre o valor de Gallaecia e non de Lusitania, como auténtico berce de Portugal. O lusitanismo (nas súas diferentes expresións) encarnou unha idea de portugalidade fortemente desenvolvida, nos tempos contemporáneos, pola Primeira República portuguesa e, nomeadamente, polo salazarismo, que non tiña en conta a diversidade cultural e institucional de Portugal no seu conxunto. Idea que se mantén en vixencia, entre outros escaparates singulares, no concepto lingüístico da “lusofonía”, quizais por inspiración francesa. Mais este é outro debate.

Unha segunda razón apúntana varios dos textos aquí recollidos, que é o recoñecemento da identidade rexional do norte portugués, o que cadraría ben coa de Galicia. Como sinala Inês Gusman, o Norte “enfrenta resistências para ser reconhecido como unha realidade regional efetiva”, debido ás trabas que, desde 1982, en materia rexionalista, apareceron entre os dous grandes partidos políticos, PSD e PS. Fronte a estas resistencias, moitos dirixentes políticos norteños decláranse abertamente a favor dunha idea rexional de Portugal, como argumenta polo miúdo Luis Braga da Cruz, promotor dun Círculo de Estudos do Centralismo, e doutras iniciativas favorables á rexionalización, no seu libro Crónicas do Douro… e outros temas (2022), prologado por Miguel Cadilhe, outro entusiasta rexionalista. O propio presidente da CCDR-N, António Cunha, recoñece na entrevista que aquí se publica, que a existencia dun forte “organo de xestión rexional” no Norte é un modo de construír no só a Eurorrexión, senón a propia Europa, malia a lentitude con que está obrigado a actuar o organismo que dirixe: “Existe um natural nível de insatisfacción, porque queremos máis”.

Unha terceira razón debe procurarse na posición cultural e política dos moradores da Eurorrexión. Certamente, carecen aínda de estímulos fortes para compartir ideas e proxectos: as comunicacións, nomeadamente as ferroviarias, están a tardar moito, e o coñecemento mutuo a través dos mass media é fraco, pero a intensidade das relacións humanas non deixa de aumentar, no campo económico, comercial, educativo e profesional. Son as pontes (comercio, vías de comunicación) que Enrique Sáez Ponte entende como fundamentos básicos para impulsar as relacións entre Galicia e o norte de Portugal e crear no arco atlántico un “espazo ibérico” comercial, ao que engade a ponte da lingua, que cualifica como “a máis barata” de todas. Dado que as relacións institucionais dentro da Eurorrexión “son boas ou moito boas”, segundo asevera Cunha, é preciso “ter unha estratexia económica máis artellada” que converta o Fisterra nun lugar de atracción internacional. Deixar de ser periferia levaría da man o crecemento dunha identidade eurorrexional nas terras bañadas polo río Miño. Construír esa identidade a través dun nome como Galecia Magna é traballo do futuro, pero que de modo tentativo xa está a desenvolverse no presente. En Galicia, mudando de raíz os vellos estereotipos negativos que corrían sobre os portugueses e, no norte de Portugal, constatando a existencia dunha forte conciencia rexional, malia que a súa identidade política sexa bastante baixa. Isto explica que o norte de Portugal sufra “unha dificultade para afirmarse como unidade territorial con peso simbólico”, dotado dun relato identitario específico, como conclúe a análise xeográfica de Inés Gusmâo na súa tese de doutoramento (A valorizaçâo cultural e económica das identidades dos territórios: o caso de estudo do Norte de Portugal, USC, 2021). A idea dunha Galecia Magna podería ser máis ca un nome, no sentido de ser a expresión do que máis carece a Eurorrexión, que é ter “alma”, que é unha forma distinta de designar o que hoxe se chama identidade. Hai máis dunha década, no marco dun traballo colectivo (Unha eurorrexión entre dous séculos, Eixo Atlántico, 2010), xa foi evocada esta cuestión, relacionada expresamente coa lingua, en varios debates organizados para preparar os textos finalmente publicados. Pero moito antes, a escritora Agustina Bessa-Luís xa observara que, para entender a diversidade de terras e sabores, é preciso recoñecer que “a alma dos lugares não é superficial, é única e distante”. Para dar algúns pasos neste longo camiño é para o que foi pensado este Dossié. Agradezo á revista Grial esta oportunidade e aos colaboradores (Luis Domínguez, Inés Gusman, Enrique Sáez e António Cunha, entrevistado por Brais Suárez), a súa participación.